O Ventorrillo vivirá este ano unha gran transformación das súas rúas cun investimento global de 8,5 millóns de euros, que permitirá renovar as súas beirarrúas e vías, así como mellorar a iluminación, zonas verdes e áreas infantís. O Concello pretende facer así un barrio máis confortable e habitable, con máis e mellores servizos para os veciños, grazas a un conxunto de 13 obras de infraestruturas, entre as que destaca tamén a construción do Ágora, como novo centro cívico e cultural referente da cidade.
Desta maneira, o Ventorrillo verá renovada a súa imaxe, ofrecendo espazos máis amplos para o paseo e descanso dos veciños, así como gañando fluidez na mobilidade e o tráfico. Ao mesmo tempo renovaranse canalizacións de servizos e créanse novas infraestruturas.
Estes proxectos forman parte do Plan Investidor Municipal 2009 (Orzamento Municipal, FEIL, Fondos Feder). En cifras, as 13 obras do Ventorrillo supoñen que ao longo deste ano investiranse 8.425.779,50 euros, renovaranse 36.585,28 metros cadrados de pavimento, entre beirarrúas e vías de circulación; renovaranse 8.855 metros lineais de canalizacións e soterramento de servizos; instalaranse 158 metros lineais de varanda; colocaranse 42 bancos; plantaranse 46 árbores de diferentes especies, e recolocaranse 389 puntos de luz, entre renovación de luminarias e novos farois.
Estes 13 proxectos supoñen a contratación de 94 traballadores, entre novos contratos (16) e operarios que ven garantida a carga de traballo (78).
A continuación, descrición dos proxectos que se realizan este ano no barrio do Ventorrillo:
Pavimentación de calzada e captación de pluviais na rúa do Alcalde Jaime Hervada e perpendiculares.
O proxecto de pavimentación da calzada e captación de pluviais na rúa do Alcalde Jaime Hervada e perpendiculares ten un orzamento de 1.049.462,21 euros e un prazo de execución de sete meses. A obra supón a creación de 3 postos de traballo e adscríbense á obra outros 12 operarios da empresa adxudicataria, Construcciones López Cao.
Os traballos consisten na pavimentación das rúas Alcalde Jaime Hervada, Alcalde Peñamaría de Llano, Alcalde Salorio Suárez e Francisco de Miguel, que suman un total de 28.770 metros cadrados de pavimentación de calzadas.
Doutra banda, tamén se acometerá a captación de pluviais nestas catro rúas, coa construción de colectores cunha lonxitude total de 2.130 metros.
Renovación de beirarrúas na rúa do Alcalde Salorio Suárez
O proxecto de renovación de beirarrúas na rúa do Alcalde Salorio Suárez ten un orzamento de 586.844 euros e un prazo de execución de sete meses. A actuación municipal supón a creación de dous postos de traballo e á obra adscríbense 10 operarios da empresa adxudicataria, Construcciones López Cao.
Os traballos consisten na renovación das beirarrúas e pavimento, así como a renovación das canalizacións de servizos básicos, como recollida de augas pluviais e soterramento de servizos. Tamén inclúe a plantación de árbores e a colocación de bancos.
As obras consisten na renovación de 4.404 metros cadrados de pavimento, entre beirarrúas e pasos; 1.076 metros lineais de bordo; 3.460 metros lineais de canalizacións de servizos; así como 58 metros lineais de varanda de aceiro. Tamén se colocarán 16 bancos de distintas medidas e 12 árbores.
As novas beirarrúas serán de baldosa ornamental cor gris e verde e acabado granallado. Amplíanse as beirarrúas en varias zonas onde o espazo para aparcamento é moi ancho sen perder prazas para estacionamento de vehículos, isto permitirá plantar árbores. Igualmente, mellórase a intersección coa rúa do Alcalde Jaime Hervada para axilizar a circulación
Tamén se mellora a zona de xogos existentes no Ventorrillo. Renóvanse xogos e substitúese o chan de seguridade. Colócanse xogos para nenos de entre dous e seis anos e para nenos de tres a oito anos.
Renovación de beirarrúas na rúa do Alcalde Peñamaría de Llano e contorna
O proxecto de renovación de beirarrúas na rúa do Alcalde Peñamaría de Llano e a súa contorna ten un orzamento de 570.720 euros e un prazo de execución de sete meses. A actuación supón a creación de 1 posto de traballo e á obra adscríbense 15 operarios da empresa adxudicataria, Construcciones López Cao.
O obxectivo é renovar esta rúa e a súa contorna co fin de crear un espazo peonil confortable para os veciños, que permita ao mesmo tempo renovar a canalización dos servizos básicos. O pavimento das beirarrúas realízase en baldosa ornamental cor gris e verde e acabado granallado. Nas zonas que é posible anchéase a beirarrúa. Tamén se crean novos espazos verdes e de descanso.
Tamén se mellora a zona de xogos da praza de Salvador de Madariaga. Restáuranse os xogos insistentes na área de pequenos, substitúese o chan de caucho por chan de goma de seguridade. Na zona de maiores e cambia o chan de area polo de caucho continuado. Colocarase un xogo de rube novo para nenos maiores de seis anos.
Crearase tamén unha glorieta na intersección da rúa do Alcalde Jaime Hervada e engádense tres novos illotes para mellorar a seguridade do tráfico.
As obras supoñen a renovación de 3.411,28 metros cadrados de lousado e pavimento e 1.091,2 metros lineais de bordo. Igualmente, a canalización de 3.265 metros lineais de tubaxes de servizos de saneamento e outros. Tamén se colocan 260 metros cadrados de chan sintético en áreas de xogos, un conxunto de xogos infantís múltiple, a plantación de 34 árbores e 100 metros cadrados de plantas e flores, 26 novos bancos e 100 metros lineais de varanda.
Renovación de beirarrúas na rúa Francisco de Miguel e contorna do centro de saúde
O proxecto de renovación de beirarrúas na rúa de Francisco de Miguel e contorna do centro de saúde conta cun orzamento de 500.000 euros. Está pendente de concurso.
Implantación de iluminación na contorna da rúa de Alfredo Tella
O proxecto de implantación de iluminación na contorna da rúa de Alfredo Tella ten un orzamento de 303.957,77 euros e un prazo de execución de 50 días. A obra supón a contratación de 2 persoas e adscríbense 7 operarios da empresa adxudicataria, Miguel Pascua SCG. Esta actuación supón a colocación de 214 puntos de luz, entre novas luminarias e renovación. Para iso contémplase tamén a eliminación de 108 luminarias de fachada.
Centralización de centros de mando de iluminación pública no Ventorrillo (zona I)
O proxecto de centralización de centros de mando de iluminación pública no Ventorrillo (zona I) ten un orzamento de 145.000 euros e un prazo de execución de 40 días. Á obra adscríbense 4 operarios da empresa adxudicataria, Instelec. A obra pretende eliminar os pequenos centros de mando existentes nas fachadas dos edificios e centralizalos en tres con sistema de telexestión para controlalo dende a estación da Grela.
Iluminación das rúas Alcalde Jaime Hervada e Alcalde Liaño Flores
O proxecto de iluminación nas rúas Alcalde Jaime Hervada e Alcalde Liaño Flores supón un investimento de 126.108,18 euros e un prazo de execución de 40 días. Permite a creación de 2 postos de traballo e á obra adscríbense 6 traballadores da empresa adxudicataria, Miguel Pascual SCG. Os traballos consisten na implantación de 41 puntos de luz a distintas alturas e de diferentes modelos.
Iluminación da praza de Salvador de Madariaga
O proxecto de iluminación da praza de Salvador de Madariaga conta cun orzamento de 125.000 euros e ten un prazo de execución de 40 días. Supón a creación dun posto de traballo e adscríbense á obra 5 operarios da empresa adxudicataria, Instelec. Esta actuación consiste na colocación de 82 puntos de luz entre farois e luminarias a distintas alturas e de diferentes modelos.
Iluminación na rúa do Mosteiro de Caaveiro
O proxecto de iluminación da rúa do Mosteiro de Caaveiro conta cun orzamento de 102.000,01 euros e un prazo de execución de 40 días. As obras supoñen a creación dun posto de traballo e adscríbense outros 5 operarios da empresa adxudicataria, Instelec. Esta actuación supón a implantación de 25 farois con dobre luminaria para cubrir o viario e ao mesmo tempo a zona peonil, co fin de atender as necesidades de iluminación da rúa.
Iluminación das rúas Alcalde Peñamaría de Llano, Alcalde Salorio Suárez e Francisco Miguel
O proxecto consiste na implantación de iluminación nas rúas Alcalde Peñamaría de Llano, Alcalde Salorio Suárez e Francisco Miguel, cun orzamento de 94.641,18 euros e un prazo de execución de 40 días. Supón a creación de 2 postos de traballo e á obra adscríbense 6 traballadores da empresa adxudicataria, Miguel Pascual SCG. En total colocaranse 27 novos farois e puntos de luz nestas rúas co fin de mellorar a iluminación e gañar en eficiencia enerxética.
Polideportivo do Ventorrillo
O proxecto consiste na substitución do lucernario da pista polideportiva do Ventorrillo, cun orzamento de 85.790 euros e un prazo de execución de 45 días. A esta actuación adscríbense tres traballadores da empresa adxudicataria, Ángel Roade SL. O novo lucernario será unha estrutura metálica galvanizada con traslúcido de policarbonato de cor branca e cubrirá unha superficie de 465 metros cadrados.
Instalación de xogos infantís e chan sintético en centros educativos
O proxecto de reposición de xogos infantís e instalación de chans sintéticos nos centros de educación infantil da cidade cun orzamento global de 462.066 euros chegará tamén aos colexios do Ventorrillo, como son María Barbeito e Raquel Camacho. En total, o proxecto global executarase nun prazo de catro meses, leva a instalación de 2.660 metros cadrados de chan sintético, e a colocación de 169 xogos. Supón a creación de 2 postos de traballo e á obra adscríbense 5 operarios da empresa adxudicataria, Manuel Rivas Boquete.
Centro Cívico Cultural Ágora
O centro cívico cultural Ágora ten un orzamento de 8,1 millóns de euros, e abrirá ao público no primeiro semestre de 2010. Este ano está orzado algo máis da metade, 4.274.181, 15 euros. O novo centro multiusos ofertará máis servizos, en mellores condicións e cubrirá as novas demandas sociais e culturais dos coruñeses, adaptándose así aos novos tempos, inquietudes e necesidades que ten a sociedade. O Ágora será unha nova referencia na cidade que responderá aos principios fundamentais en calquera comunidade moderna que persegue o progreso e benestar: participación, servizos sociais, cultura, educación e formación.
O proxecto do Ágora é o resultado dun concurso de ideas convocado polo Concello e que no seu día tivo como gañadora a proposta presentada baixo o lema "A Montaña Máxica", do equipo formado polos arquitectos Luis Rojo de Castro, Begoña Fernández-Shaw Zulueta e Liliana Obal Díaz, de Madrid.
Distribución do Ágora
O novo centro multiusos, que conta co apoio económico da Unión Europea a través do Plan Urban, sitúase nunha parcela de San Pedro de Visma, con acceso principal pola prolongación da rúa de Mosteiro de Caaveiro. A súa localización na parte alta da parcela dá lugar a unha praza pública exterior, proporcionando accesos tanto peonís como rodados.
O edificio, cunha superficie total construída de 10.258,40 metros cadrados, consta dun soto (1.618,09), un semisoto (3.009,17), unha planta baixa (2.833,72) e unha planta primeira (1.224,29 metros cadrados). Do total da parcela, 9.663 metros cadrados, 4.404 son para o edificio e 5.259 metros cadrados para superficie axardinada. Proponse un aparcadoiro semicuberto con capacidade para 39 vehículos.
No acceso principal do Ágora, con planta en forma de "U" , sitúanse de fronte a recepción, información e atención ao visitante, así como rexistro. A Sala de Exposicións tamén fomenta a integración na contorna e a accesibilidade ao centro. Concibida como extensión da rúa e como pasadizo público, a sala, co seu dobre acceso e de galería urbana, fomenta a permeabilidade e o achegamento das actividades ao cidadán. É accesible dende a propia rúa.
No lado sur da parcela sitúase o teatro/auditorio, cun aforamento para 549 persoas e con posibilidades de usarse para teatro, ópera, música sinfónica, ballet. O acceso a esta sala prodúcese dende o semisoto por unha rampla.
A biblioteca ocupa o módulo lateral cara ao norte, ademais do central. E nunha sala diáfana e aberta iluminada con luz cenital e perimetral (toda a fachada é de vidro) estarán a sala xuvenil e a sala de lectura.
Nas plantas baixa e primeira sitúanse os talleres, salas polivalentes e salóns sociais para dar servizo aos cidadáns en reunións veciñais, xogos sociais, formación,... actividades sociais, lúdicas, culturais e formativas
Na planta de acceso proponse unha Unidade de Servizos de Atención Social ao Cidadán: administración única, axudas a domicilio, teleasistencia, infancia, prevención e demais prestacións.
A cafetería sitúase na planta semisoto, en contacto directo co teatro, a hemeroteca e a praza pública e o seu xardín. A área de oficinas e administración estará na planta baixa. No semisoto están o auditorio, cafetería e a biblioteca.
Blog Oficial de la Asociación de Vecinos del Ventorrillo
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
1 comentario:
En el texto pone que la ampliación de aceras no disminuirá las plazas de aparcamiento en la calle Alc. Salorio Suárez y NO ES CIERTO. Anteriormente se aparcaba en batería y había 16 plazas, tras las obras pasarán a ser 6. Una acera que ya tenía 3 metros de ancho es inútil hacerla de más de 5 metros. Como siempre seremos los vecinos quien suframos la doble fila de los coches que vienen a la Caixa Galicia y que cada vez serán más los vehículos estacionados sobre la acera....
bien por esta decisión si señor y por el apoyo de la asociación...
salu2.
Publicar un comentario